O Colexio de Santiago Alfeo, parte esencial das orixes da Universidade de Santiago, foi fundado ao redor de 1526 polo Arcebispo Alonso III de Fonseca como colexio universitario para que alí puidesen estudar e aprender os composteláns e residentes do arcebispado de Santiago. O edificio construído para albergar á devandita institución foi erixido nas proximidades do Colexio de San Xerome, na  rúa  do Franco, cara á que se abre aínda hoxe a súa fachada e portada principais.

Alonso III de Fonseca obtivo a autorización papal para a súa fundación en 1526, sendo xa arcebispo de Toledo, e procedeu entón a encargar os primeiros planos para o edificio ao arquitecto Juan de Álava, quen por entón traballaba na construción do claustro da catedral. O proxecto final foi revisado por outro gran arquitecto do seu tempo: Alfonso de  Covarrubias. As obras comezaron ao redor de 1532 e non finalizarían ata mediados do século XVI.

O resultado foi a fermosa arquitectura que, en gran parte, aínda pode visitarse hoxe día: un edificio de planta cuadrangular cun gran patio central en torno ao que se ordenan as diferentes dependencias da institución. O modelo arquitectónico sinalado con frecuencia para este edificio é o Colexio de Santa Cruz de Valladolid, construído a finais do século  XV por  Enrique  Egas e  Lorenzo Vázquez de Segovia, unha obra famosa na arquitectura española por introducir moitos elementos da arte Renacentista.

Desde o punto de vista artístico, os ambientes de maior riqueza e importancia son o citado patio ou claustro e a portada principal, portada  esculpida cun rico programa  iconográfico.

O claustro ou patio do Colexio é un espazo arquitectónico de gran  harmonía e equilibrio, con planta cuadrangular e dous corpos de altura, organizados  horizontalmente en 24 espazos. No primeiro corpo trátase de arcos  escarzanos apoiados sobre altas  pilastras; mentres que o superior organízase a modo de galería, con arcos  carpaneles e unha rica balaustrada inferior. Pero sobre todo, sobresae o remate do segundo corpo, un fermoso remate ou cornixa labrada case como unha  filigrana ou peza de ourivaría, no mellor estilo do  plateresco español.

A arquitectura do claustro complétase cun importante ciclo  iconográfico composto por numerosos  medallones con relevos figurados que posúen un papel non só ornamental, senón que proporciona tamén unha mensaxe, un contido que se desexa transmitir ao visitante. Neste caso, a maior parte das figuras retratadas pertencen á monarquía ou aos arcebispos composteláns, enviando unha mensaxe sobre á xerarquía e liñaxe de quen fixo posible a institución.

A portada principal ten unha estrutura organizada en dous corpos de altura a través de  pilastras dispostas sobre grandes pedestais  cajeados. O corpo inferior organízase cunha estrutura similar á dun arco triunfal, cun gran nicho central que dá acceso ao interior e, nos laterais, ocupando os nichos entre as columnas, esculturas do patrón Santiago Alfeo e a Virxe dos Praceres, devoción do fundador vinculada ademais á sabedoría. O segundo corpo consta dun espazo central no que se abre unha ventá e, aos seus lados, entre as  pilastras, completan o programa  iconográfico as esculturas de  san Pedro e  san Pablo, patróns da maior parte dos colexios universitarios da época, e santa Catalina e  san  Ildefonso, vinculados á familia Fonseca; no gran  zócalo deste corpo sitúanse ademais outros santos e Pais da Igrexa ligados ao saber e a escritura.

Así pois, poderiamos dicir que a portada do Colexio foi concibida para enxalzar o carácter de “Templo de Sabedoría” da Universidade e, á vez, homenaxear á familia do seu fundador Alonso de Fonseca.